Friday 26 de April de 2024

O ciclo “Concertos na Fin do Mundo” esgota case todas as entradas para as catro actuacións en faros galegos


― Para o primeiro concerto que se celebrará mañá no faro Cabo Silleiro de Baiona xa se venderon tódolos tickets, ao igual que no do 27 de agosto no Punta da Barca de Muxía e o do 10 de setembro no faro de Punta Atalaia de San Cibrao en Cervo, mentres que para o do 3 de setembro no faro de Corrubedo de Ribeira tamén están a piques de esgotarse

― O gaiteiro Anxo Lorenzo, as cantareiras As Tanxugueiras, Dulce Pontes e Mikel Erentxun participan no cartel desta proposta musical ao aire libre que contribúe a poñer en valor os faros como patrimonio vencellado ao Camiño de Santiago

As entradas dos Concertos na fin do mundo xa se esgotaron practicamente nas 4 actuacións previstas ata mediados de setembro en 4 faros galegos emblemáticos no marco deste ciclo incluído na programación do Xacobeo e en colaboración con La Caixa.

Para a primeira actuación que se celebrará mañá no faro Cabo Silleiro de Baiona xa se venderon tódalas entradas para desfrutar da música de As Tanxugueiras. O mesmo ocorre co previsto para o 27 de agosto no faro Punta da Barca de Muxía con Dulce Pontes como cabeza de cartel e o do 10 de setembro no Punta Atalaia de San Cibrao de Cervo onde actuará Mikel Erentxun. Ademais, tamén están a piques de esgotarse os tickets para o concerto do gaiteiro Anxo Lorenzo do 3 de setembro no faro de Corrubedo de Ribeira.

A dj galega Russihha tocará nos 4 concertos, que contarán ademais con grupos emerxentes do panorama musical galego como Pablo Lesuit mañá en Baiona, Margarida Mariño en Muxía, Laura Lamontagne & Pico Amperio en Ribeira, e Yoly Saa en Cervo.

Os interesados en asistir poderán obter máis información na web www.concertosnafindomundo.com, desde onde poderán adquirir as poucas entradas dispoñibles para o concerto en Ribeira do 3 de setembro.

As actuacións levaranse a cabo cumprindo tódolos protocolos anticovid para os espectáculos ao aire libre en grupos reducidos que van de 100 as 250 persoas dependendo das características do faro e do nivel de ocupación de cada escenario.

A proposta, persegue ademais valores de respecto coa contorna, de igualdade e de diversidade e adaptase as demandas dos turistas que na actualidade buscan iniciativas personalizadas e diferenciadas nas que se aposte polo contacto coa natureza e os espazos abertos. Nesta liña, Concertos na fin do mundo conxuga estes valores xunto coa aposta por unha cultura segura e, ao mesmo tempo, a posta en valor do patrimonio das rutas xacobeas, como é o caso dos faros galegos.